Salustiano Mato e Xosé Antón Araúxo tras a sinatura do convenio |
Desenvolvemento de proxectos de investigación; organización
de cursos, conferencias, simposios e seminarios; apoio a investigadores e
estudantes; colaboración en proxectos culturais de interese común... A
Universidade asinou este luns dous convenios de colaboración coa comunidade de
montes da parroquia de Couso en Gondomar, un acordo marco xeral que promove a
colaboración entre ambas entidades e outro específico para a posta en marcha de
diferentes accións de I+D colaborativo no ámbito da sustentabilidade social e
ambiental na xestión do monte comunal.
O reitor, Salustiano Mato, e o presidente da CMVMC de Couso,
Xosé Antón Araúxo, foron os encargados de rubricar o acordo, un acto no que
tamén se contou coa participación do profesor da Facultade de Ciencias
Económicas e Empresariais, Xavier Simón Fernández, investigador principal de
GIEEA, o grupo de investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, a través
do cal se xestionará esta colaboración.
“A comunidade de montes de Couso está levando acabo varios
proxectos produtivos (froitos do bosque, shiitake, boletus, castañas, madeira
de calidade) e con este convenio queremos aproveitar o coñecemento da
Universidade para mellorar o ciclo produtivo de todos estes proxectos e acadar
a finalidade que buscamos que, fundamentalmente, é a de crear emprego, sobre
todo nesta etapa de crise económica que dificulta o acceso ao mercado laboral”,
subliñou Araúxo tras o acto de sinatura, quen fixo fincapé en que “para nós
esta colaboración supón aproveitar o coñecemento da Universidade para polo ao
servizo da sociedade”.
Mudar abandono por
iniciativas innovadoras que xeren riqueza
A colaboración virá da man do grupo GIEEA, dirixido polo profesor Xavier Simón, á esquerda da imaxe |
Para o GIEEA esta non será a súa primeira experiencia de
colaboración cunha comunidade de montes, pois o grupo conta xa cun convenio
similar coa comunidade de montes de Carballo, no concello lugués de Friol. “Con
eles temos feito algunhas cousas, a máis importante, coido, é que vimos de
preparar a documentación e a proposta para que esta entidade social acceda, en
concorrencia competitiva, a unhas interesantes axudas dentro do Plan de
Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 para a creación dun Grupo Operativo
de Innovación, vinculado coa Asociación Europea da Innovación da Agricultura
Produtiva e Sustentable, co obxectivo de pór en marcha un proxecto de produción
de estelas, con fins enerxéticos, e fertilizantes, con fins de recuperación da
fertilidade, a partir de biomasa do monte e dos residuos de podas e coidados
dos xardíns urbanos, nunha área que supera ao concello de Friol”, explica
Xavier Simón, director do grupo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario